segunda-feira, 14 de março de 2011

Chuvia



Atopei pola tarde os papeis dos rezos dos monxes en Saint-Michel, e volvín alí por uns instantes. 



Non creo ter visto nunca rezos similares. O marco, o exiguo do número de monxes (non chegaban a vinte), o ascetismo do canto, a pureza sinxela das notas do raro aparello musical que tanxía unha das monxas, ou incluso a disposición de homes e mulleres no espazo da capela, eran memorables; as voces mesmas, sentidas e contidas, ou a idade escasa dalgún deles dábanlle un aire de espiritualidade difícil de conseguir para calquera edificio relixioso.

Se o conxunto é xa precioso en por el, co rezo é sublime.

O día tamén fora chuvioso. Tanto, que, cando chegamos ao primeiro restaurante, case pelexamos por estar ao lado da cheminea, que estaba acesa e daba unha calor óptima para secar a roupa, empapada todiña, incluída a interior. E todos andabamos con paraugas e anorás supostamente impermeables.



Le Mont-Saint-Michel





Trago a vida sen que deixe case pouso
Para min.
Vai tan rápido…
Non reparo en tanta cousa como hai.
Pasa o tempo.
Non me acordo.
Xa esquecín todo aquilo que vivín.

Se mo contas
Se mo volves ti dicir
Hei de ter só sensación
Dun déjà vu



.









Sem comentários:

Enviar um comentário