Xa estamos na primavera e vai ser verdade eso da alteración. Pensar que desaparece unha hora sen saber como, ter que erguerse con máis noite do que un estaba afeito, volver a axustar o corpo ás rutinas de cada día, si que altera, aínda que nada máis que sexa un pouco. E para min é onde máis se nota o cambio de estación.
O das flores é outra cousa, e que conste que xa vin na horta tres ou catro flores da cerdeira, moi fermosas, case tanto coma as de tódalas cerdeiras do val do río Jerte.
Está claro que non hai terra coma a nosa. En nada!
Detrás do cesto das noces
desde a cociña mirado,
podo ver un paxariño
esculcando o seu camiño,
peteirando con coidado
entre a herba con mil roces.
Eu coñézote moi ben,
respóndolle a el e a min,
desde a boca, muda a fala,
mais nos ollos esa chama
que acendín cando eu o vin
e non apagou ninguén.
Como sabe que se espera,
de maneira moi formal,
dilixente e aplicado,
sendo tan bo namorado
ás citas vén puntual
cando chega a primavera.
O peto é o paxaro meu,
carpinteiro de colores,
verde, azul e acastañado,
de plumas moi adornado.
El vai repartindo amores
por este mundo, que é seu.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário